INTRODUCIÓN
Das numerosas e diversas definicións que se teñen formulado sobre o que debe ser un desenvolvemento sostible, todas coinciden en dous criterios: equilibrio entre desenvolvemento socioeconómico e respecto polo ambiente, e preservación dos recursos fronte á súa degradación e/ou esgotamento. O Cumio da Terra de Río de Janeiro adoptou estas premisas elaborando a Axenda 21, un programa de acción para este século que senta as bases dun modelo de desenvolvemento sostible como obxectivo global.
|
|
|
Para cumprir estas expectativas a nivel mundial, propón a actuación a nivel local por ser a unidade política máis pequena e próxima ao cidadán, e onde é posible introducir asemade como criterio clave o consenso, que debe emanar da participación dos cidadáns, organizacións locais e empresas privadas. Xorde deste xeito a implantación da Axenda 21 Local como instrumento de planificación que, asumindo a realidade de cada localidade e a través da participación cidadá, indica o camiño do desenvolvemento local pola vía da sostibilidade.
OBXECTIVO
O obxectivo é posibilitar a integración a nivel local, de todas as accións susceptibles de ser promovidas ou apoiadas polas administracións municipal e autonómica.
Para isto deseñarase un “Plan integrado de sostibilidade local” que irá vertebrando actuacións que serán consideradas de carácter prioritario, e que por tanto recibirán o apoio preferente tanto da Administración Local como das de orde superior.
Muros, debido a que levará a cabo esta acción recibirá a denominación de “Núcleo de sostibilidade integrada” que o identifica como prioritario na percepción de axudas ou na execución de inversións de carácter ambiental por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
ACTUACIÓNS
A primeira actividade consistirá na creación dunha “Axencia local de sostibilidade”, que coordinará todas as tarefas a cumprir, servindo ao mesmo tempo de nexo entre a administración local e a autonómica. Esta axencia será administrada por un axente local de sostibilidade contratado pola Xunta, que seguindo as pautas indicadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, organizará a realización da secuencia de actuacións a levar a cabo e que, en todo caso, deberá contemplar as seguintes:
A nivel de goberno municipal:
1. Entidade Local: instrumentalizar a mellora de aspectos organizativos internos do concello.
2. Integración Ambiental: articular a introdución da consideración dos aspectos ambientais nas políticas e disposicións do goberno municipal.
3. Implantación de sistema de xestión ambiental no Concello, ou, a lo menos, nas concellerías / delegacións / servizos de máis repercusión (obras e servizos, parques e xardíns, ambiente, etc.).
4. Protección ambiental: sometemento voluntario á Avaliación Ambiental de plans e programas (competencia autonómica) mesmo en casos nos que non sexa de obrigado cumprimento.
5. Xornadas de sensibilización e curso técnico de formación, para edís e técnicos municipais, coa participación necesaria do axente local de sostibilidade.
6. Prospección e diversificación dos mecanismos de captación, por parte da administración local, de recursos de financiamento públicos e privados.
De carácter xeral:
7. Sensibilización e educación sobre sostibilidade do conxunto da poboación.
8. Implantación da Axenda 21 local.
9. Implantación da Axenda 21 escolar.
10. Establecemento dun servizo de información / reclamación para o cidadán, centrado fundamentalmente nos asuntos de sostibilidade local.
11. Implantación da base dun sistema de información xeográfica (SIG).
No sector privado:
12. Sensibilización e formación básica en materia de sostibilidade de empresarios, colectivos profesionais e agrupacións.
13 Fomento da implantación de boas prácticas e de sistemas de xestión ambiental nas empresas do municipio.
14 Fomento da adopción de prácticas de responsabilidade social corporativa e da elaboración de memorias de sostibilidade.
|